As nosas tarefas domésticas

O alumnado de 3º de PMAR, coordinado polas profesoras dos ámbitos científico e sociolingüístico, fixo un estudo das tarefas domésticas realizadas por todo o alumnado do centro. Levaron a cabo dúas enquisas, coa colaboración dos departamentos de Relixión, Filosofía e Orientación (a través do Plan de Acción Titorial). Na primeira (en outubro, con motivo do Día Internacional das Rapazas) describíanse os labores desenvolvidos ao longo da semana; na última, en maio, despois de estudaren estatística, pasaron un cuestionario na ESO.
Despois de analizar esta enquisa cuantitativa non se observan moitas diferenzas entre rapazas e rapaces. Porén ao estudar o inquérito cualitativo, o primeiro, constátase que as mulleres realizan as tarefas máis complexas, como p. ex. pasar o ferro; tamén se encargan de traballos para toda a familia, como cociñar,  fregar os baños ou limpar a casa; nalgún caso, incluso, colaboran nos negocios familiares como dependentas.






V Encontro de Centros para unha convivencia Positiva


Os días1 e 2 de xuño, Manuel Villar Barreiro e mais eu, Yanira Gabarri Fernández, de 3ª da ESO, fomos a unha xuntanza a Viana do Bolo,  con dezaseis institutos de Galicia, en representación do Grupo de Convivencia e Mediación do noso centro. Fomos acompañados pola directora e a coordinadora deste grupo. O venres chegamos alí sobre as 15:00, cando os demais xa estaban xantando. Como non había sitio para nós, tivémonos que sentar na mesa dos profesores e profesoras. Despois de comer fomos ao IES Carlos Casares, onde fixemos varias actividades: en primeiro lugar propuxéronnos varios temas de debate, todos arredor do uso do móbil e as redes sociais. O sábado fixemos unha excursión á morena glaciar de Chaugazoso. Foi unha experiencia moi positiva e enriquecedora, e sobre todo moi recomendable.

Google recorda hoxe a Gilbert Baker



Gilbert Baker (1951-2017) foi o deseñador da famosa bandeira LGBT

Á violencia de xénero dille... NON


Desde o pasado 19 de maio nos corredores do instituto tivemos dúas exposicións contra a discriminación, concienciándonos a todos a respecto da realidade social. Da que eu vos vou falar agora será da parte en contra do machismo.
Podemos observar nas paredes colgados un total de oito carteis cos xeitos máis típicos do micromachismo e pequenos exemplos que os definen. Palabras como "sextorsión" xa non serán un vocablo inintelixible para os alumnos e alumnas do noso centro con este novo paso cara a concienciación e o rexeitamento pasivo e activo destas condutas coas que vén cargando a nosa sociedade desde hai demasiado tempo.
@BretoGloria

Día internacional contra a LGBTfobia


Desde a semana do 17 de maio, Día Internacional contra a LGBTfobia, na entrada do instituto púxose unha exposición realizada por alumnado do centro sobre algunhas das máis famosas mulleres lesbianas, en sinal de visibilización e apoio para a obtención dos dereitos deste colectivo.

Día internacional contra o acoso escolar



...e 20 vídeos máis seleccinados por Mónica Diz Orienta.

O que de verdade importa


O venres 24 de marzo o alumnado de 1º bacharelato de Música e mais algúns alumnos e alumnas do grupo de Convivenciaforon a unha conferencia no Palexco sobre "O que de verdade importa".

Áo chegar fomos  degustar os bocadillos riquísimos de Aurora, a nosa cociñeira do centro. Ás 13·20 entramos á sala onde nos ía contar unha rapaza mexicana a súa vida; chámabase Adriana Macías. A súa vida era espectacular, porque a pesar de que non tiña brazos tiña unha vitalidade brutal. Sen ter brazos podía facer de todo: peitearse, cociñar, comer, coidar da súa filla, etc. Preguntarédesvos como fai todo iso, non? Pois moi sinxelo, cos pés.

Saco unha conclusión: con pouco que teñas, podes saír adiante cunha actitude positiva. Eu fun unha privilexiada por poder vivir esa experiencia. A min, persoalmente, pareceume moi asombroso a vitalidade que tiña Adriana para afrontar todo o que lle viña por diante. Creo que escoitala vaime axudar moito tanto no presente coma no futuro.

Violencia de xénero dixital

Hoxe, dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, participamos nun obradoiro sobre o uso seguro e saudábel da tecnoloxía. Entre outros moitos temas tivemos a oportunidade de participar na presentación da nova campaña de @PantallasAmigas sobre violencia de xénero dixital.


Engadimos o blog de Pantallas Amigas ao noso blogroll.

Á violencia de Xénero... dille NON!


Dinámica: Xénero e cultura

Diversidad

Proposta de dinámica: Xénero e cultura

O que se pretende con esta dinámica é reflexionar sobre como os estereotipos do que é tipicamente masculino ou feminino son só iso, estereotipos, que non sempre se cumpren e que ademais varían dependendo da nosa experiencia, educación, lugar de nacemento, etc.

Os roles de xénero asignan funcións, actitudes, capacidades e limitacións diferenciadas a mulleres e homes, que a normativa da cultura vixente establece como atributos “naturais” de ambos os sexos. Pero estes atributos non son tan naturais. Xa o dicía Simone de Beauvoir que “non se nace muller, chégase a selo”. E depende moito do lugar e a cultura en que nacemos que sexamos , ou que se espere que sexamos, un tipo de muller ou home diferentes.

Porque o xénero é unha construción social, e esta construción varía moito nunha cultura ou noutra.

8 de marzo. Día Internacional da Muller


Curtametraxe francesa na que se mostra un mundo onde os home son mulleres.

Saída ao cine


Hoxe, mércores 22 de febreiro, fixemos unha saída as alumnas e alumnos de 3º da ESO  A, B e PMAR. Fomos ao centro comercial Os Rosais, no que hai uns cines da compañía Yelmo.
Todo comezou ás 11:00 h cando saímos co bus cara á Coruña. Fixeime en que a paisaxe mudou con respecto a outros anos. Antes, cando iamos a esta cidade, sempre pasabamos pola avenida Alfonso Molina, pero agora xa imos pola Terceira Ronda, dependendo do destino.
Unha vez alí, algúns mercaron flocos de millo e refrescos. Tivemos unha sala enteira para nós sós. Vimos a película Figuras Ocultas. Non vou facer spoiler por se alguén a quere ver. Todas as persoas deberían vela, transmite unha mensaxe fundamental para a sociedade. E aínda que estea datada nos anos 60, é importante incluso para o mundo de hoxe en día. Ten un argumento moi interesante e está baseada nunha historia real. Trata de tres mulleres afroamericanas que son científicas e están moi preparadas. Pero polo feito de ser muller e, aínda encima ser negras, a sociedade ponlles demasiados obstáculos para que poidan traballar coma un home branco daquela época. Dende o meu punto de vista, é algo que facía falta nos cines. Poucas veces se  ven películas coma esta nas carteleiras. Ata conseguiu ser número un!
Despois de vela, collemos o bus e volvemos ao instituto. Chegamos moi xustos pero a tempo.
Sinceramente, creo que todos os compañeiros e compañeiras da clase aprendemos hoxe unha valiosa lección. Nunca antes fora ao cine nunha saída do instituto, supoño que será porque non adoita haber películas deste estilo. Pero encantoume ir. En xeral, todos se comportaron ben e foi agradábel ir alí con toda a clase. Espero que se poidan facer máis saídas culturais así, están xenial e  aprendemos cousas que non se poderían entender estando sentados dúas horas diante dun pupitre. Pasiño a pasiño vaise mellorando para que os centros educativos poidan ofrecer unha educación máis completa e entretida para a mocidade.
Por último, dar as grazas ao instituto por preparar actividades tan interesantes.
@MartaAnonymous

Obradoiro de radio "O mundo que queremos"


Luns, 20 de febreiro.
Salón de actos do instituto.
Dende as 16:30 ata as 18:10, o alumnado de 3º da ESO A e PMAR tivemos a segunda sesión dun obradoiro sobre a igualdade nos medios de comunicación. Isto foi posible grazas a Rocío Cadahía, exalumna do centro e actualmente traballadora de Agareso, reporteiros galegos solidarios (unha ONG de xornalistas coa que está a facer estes obradoiros por distintos centros). Comezamos lembrando a primeira sesión, na que falamos cousas coma os tipos de modificación de voz, como falar adecuadamente, información sobre o sector, o que son as radios comunitarias... E o tema máis importante de todos: a igualdade nos medios de comunicación.

Para empezar fixemos exercicios da voz, para soltarnos un pouco. O obxectivo da sesión era terminala cun programa de radio grabado entre o alumnado da clase. Todos os compañeiros dividímonos en varios grupos, cada un tiña unha sección.

A primeira metade do tempo dedicouse a organizar as ideas e a escribir os guións do que íamos dicir diante do micrófono. Na última hora, fomos saíndo todos os grupos un a un. O presentador, deu a introdución e a despedida; os informativos, contaron unha noticia relacionada coa homofobia e o seu punto de vista; a sección dramática, comentaron unha noticia dun neno e unha nai maltratados polo pai pero todo terminou ben dentro do que cabe; publicidade, consistiu en que os encargados desta parte fixeron un anuncio contra o racismo; e por último a sección musical, na que escolleron catro cancións con letras fortes denigrantes para a muller e as criticaron. Como había un par de micrófonos, tivemos que ir falar de dous en dous. Finalmente, Rocío editará todos os arquivos de audio grabados para montar o programa completo.

Así foi, fixemos o noso primeiro programa de radio. Por suposto, todo libre de cancións machistas, desigualdades e calquera tipo de homofobia, xenofobia e racismo. Ao mellor, algún dos que estivemos alí presentes poderá converterse nun gran locutor/a cando sexa maior.

A min persoalmente gustoume moito o curso. Nunca presenciei algo así e aprendín moitas cousas que non sabía antes. Paréceme moi ben que cada pouco tempo se fagan actividades así. Quítanlle monotonía ó instituto e fan del un lugar máis entretido. Incluso fan divertido adquirir coñecementos de distintas áreas. Hai veces que me parece que imos adiantados uns anos ao noso tempo por todos os avances que se fan no centro. Pouco a pouco vaise mellorando a cultura xeral dos estudantes coma min, estamos seguindo o bo camiño para conseguir o mundo que queremos!

@MartaAnonymous

Curso de Mediación

mediación

Semana do 6 ao 10 de febreiro
O luns, mércores e venres da semana do 6 ao 10 de febreiro, as persoas apuntadas a mediación, tivemos un curso intensivo sobre a resolución de conflitos. Tivo lugar no salón de actos do instituto. Durante eses tres días fixemos distintas actividades:
Na primeira sesión: presentámonos  e fixemos varios xogos. Un deles pareceume moi interesante, consistía en debuxar unha pirámide. Na base  escribíanse as cousas que considerabas máis importantes e, segundo se ían subindo  na pirámide, había que ir escribindo as que se considerasen caprichos.
Na segunda sesión: comezamos facendo un quebracabezas. Era debuxar un patrón de nove puntos, coma o que teñen os móbiles, e unir todos os puntos sen levantar o lapis do papel. Ningún de nós o conseguimos, xa que a solución era sacar trazos por fóra do cadro en si. Isto serviu como metáfora para simbolizar que, nos conflitos, non hai que quedarse só co que vemos e temos que intentar ir máis aló para resolvelos con éxito.
Na terceira sesión: fixemos algo parecido a obras de teatro, pero coa particularidade de que representábamos conflitos. Unha persoa interpretaba a unha vítima, outra a un agresor e unha última a un mediador. Así se simulaba un conflito e ao final, coa axuda da profesora, se mostraba como actuar ante un problema dese tipo.
A opinión xeral do alumnado que asistiu é que foi un curso moi interesante e que aprenderon moito. Eu penso que vai ser moi útil para futuros conflitos que poidan xurdir no centro e que, despois deste curso, imos saír un bo grupo de mediadores!

@MartaAnonymous
@Edenavecilla

Buscando valentes!


Pedaladas solidarias


Hoxe, Día Internacional da Paz, de 12:10 a 12:30, realizouse a presentación da actividade das Pedaladas Solidarias. Consiste en que o alumnado que queira terá que buscar unha serie de patrocinadores para que lles paguen un diñeiro por cada quilómetro percorrido nas bicicletas estáticas que hai dispoñibles. E ao final,  os cartos obtidos, van ir para a ONG Proactiva Open Arms. Nesta ONG fan un traballo moi importante, xa que están en Lesbos para axudar ás persoas  refuxiadas que teñen que saír dos seus países por causa da guerra e as malas condicións de vida.

O que fixemos hoxe consistiu en que  o alumnado e o profesorado do instituto reunímonos na entrada, que estaba preparada cun portátil con webcam, un proxector e un equipo de son. Comezou polo discurso que preparou unha alumna de 2º de bacharelato, Ana Rascado, acerca das persoas refuxiadas e logo fíxose unha videochamada por Skype con dúas persoas da ONG que actualmente se atopan en Lesbos. Explicaron moi ben o seu traballo e responderon a unha serie de preguntas. A videochamada finalizou cun grande aplauso. E para rematar, as autoridades asistentes deron as primeiras pedaladas.

Esperamos que moitos alumnos e alumnas se animen e que poidamos enviar unha gran axuda. É fundamental axudar ás persoas que o necesitan para poder ir construíndo un mundo mellor e libre de inxustiza.


@MartaAnonymous