Saída ao cine


Hoxe, mércores 22 de febreiro, fixemos unha saída as alumnas e alumnos de 3º da ESO  A, B e PMAR. Fomos ao centro comercial Os Rosais, no que hai uns cines da compañía Yelmo.
Todo comezou ás 11:00 h cando saímos co bus cara á Coruña. Fixeime en que a paisaxe mudou con respecto a outros anos. Antes, cando iamos a esta cidade, sempre pasabamos pola avenida Alfonso Molina, pero agora xa imos pola Terceira Ronda, dependendo do destino.
Unha vez alí, algúns mercaron flocos de millo e refrescos. Tivemos unha sala enteira para nós sós. Vimos a película Figuras Ocultas. Non vou facer spoiler por se alguén a quere ver. Todas as persoas deberían vela, transmite unha mensaxe fundamental para a sociedade. E aínda que estea datada nos anos 60, é importante incluso para o mundo de hoxe en día. Ten un argumento moi interesante e está baseada nunha historia real. Trata de tres mulleres afroamericanas que son científicas e están moi preparadas. Pero polo feito de ser muller e, aínda encima ser negras, a sociedade ponlles demasiados obstáculos para que poidan traballar coma un home branco daquela época. Dende o meu punto de vista, é algo que facía falta nos cines. Poucas veces se  ven películas coma esta nas carteleiras. Ata conseguiu ser número un!
Despois de vela, collemos o bus e volvemos ao instituto. Chegamos moi xustos pero a tempo.
Sinceramente, creo que todos os compañeiros e compañeiras da clase aprendemos hoxe unha valiosa lección. Nunca antes fora ao cine nunha saída do instituto, supoño que será porque non adoita haber películas deste estilo. Pero encantoume ir. En xeral, todos se comportaron ben e foi agradábel ir alí con toda a clase. Espero que se poidan facer máis saídas culturais así, están xenial e  aprendemos cousas que non se poderían entender estando sentados dúas horas diante dun pupitre. Pasiño a pasiño vaise mellorando para que os centros educativos poidan ofrecer unha educación máis completa e entretida para a mocidade.
Por último, dar as grazas ao instituto por preparar actividades tan interesantes.
@MartaAnonymous

Déixanos o teu comentario