Obradoiro de radio "O mundo que queremos"


Luns, 20 de febreiro.
Salón de actos do instituto.
Dende as 16:30 ata as 18:10, o alumnado de 3º da ESO A e PMAR tivemos a segunda sesión dun obradoiro sobre a igualdade nos medios de comunicación. Isto foi posible grazas a Rocío Cadahía, exalumna do centro e actualmente traballadora de Agareso, reporteiros galegos solidarios (unha ONG de xornalistas coa que está a facer estes obradoiros por distintos centros). Comezamos lembrando a primeira sesión, na que falamos cousas coma os tipos de modificación de voz, como falar adecuadamente, información sobre o sector, o que son as radios comunitarias... E o tema máis importante de todos: a igualdade nos medios de comunicación.

Para empezar fixemos exercicios da voz, para soltarnos un pouco. O obxectivo da sesión era terminala cun programa de radio grabado entre o alumnado da clase. Todos os compañeiros dividímonos en varios grupos, cada un tiña unha sección.

A primeira metade do tempo dedicouse a organizar as ideas e a escribir os guións do que íamos dicir diante do micrófono. Na última hora, fomos saíndo todos os grupos un a un. O presentador, deu a introdución e a despedida; os informativos, contaron unha noticia relacionada coa homofobia e o seu punto de vista; a sección dramática, comentaron unha noticia dun neno e unha nai maltratados polo pai pero todo terminou ben dentro do que cabe; publicidade, consistiu en que os encargados desta parte fixeron un anuncio contra o racismo; e por último a sección musical, na que escolleron catro cancións con letras fortes denigrantes para a muller e as criticaron. Como había un par de micrófonos, tivemos que ir falar de dous en dous. Finalmente, Rocío editará todos os arquivos de audio grabados para montar o programa completo.

Así foi, fixemos o noso primeiro programa de radio. Por suposto, todo libre de cancións machistas, desigualdades e calquera tipo de homofobia, xenofobia e racismo. Ao mellor, algún dos que estivemos alí presentes poderá converterse nun gran locutor/a cando sexa maior.

A min persoalmente gustoume moito o curso. Nunca presenciei algo así e aprendín moitas cousas que non sabía antes. Paréceme moi ben que cada pouco tempo se fagan actividades así. Quítanlle monotonía ó instituto e fan del un lugar máis entretido. Incluso fan divertido adquirir coñecementos de distintas áreas. Hai veces que me parece que imos adiantados uns anos ao noso tempo por todos os avances que se fan no centro. Pouco a pouco vaise mellorando a cultura xeral dos estudantes coma min, estamos seguindo o bo camiño para conseguir o mundo que queremos!

@MartaAnonymous

Déixanos o teu comentario