O mundo máxico de Antón

No final do trimestre estivo exposta no centro a mostra "O mundo máxico de Antón". Para alén de gozar dos deseños, imaxinativos, coloridos e dinámicos, traballouse o contido da diversidade, en xeral, e do TEA, en particular, nas aulas de 1º e 2º da ESO. O alumnado coñeceu mellor a Antón e escribiulle cartas que lle serán entregadas en breve. Aquí vos queda unha canción de Pablo Díaz que ten como protagonista a Antón, fotos da mostra e unha ligazón que permitirá achegarnos máis ao seu mundo máxico.

Máis sobre o mundo máxico de Antón nesta ligazón

25 N: "Ninguha máis"

Malia ser este un ano particular, non podíamos esquecer esta outra pandemia, a dos feminicidios. A día 25 de novembro xa ían 40 mulleres asasinadas polas súas parellas en 2020, máis dúas rapazas asasinadas despois de que o criminal matase ás nais. Por ese motivo decidimos levantar a nosa voz para que NINGUNHA MÁIS sexa asasinada. O IES David Buján, en colaboración co concello de Cambre, berrou coa voz tinguida de negro:
NINGUNHA MÁIS
NINGUNHA MÁIS
NINGUNHA MÁIS.

OBRADOIROS NA AULA DE CONVIVENCIA

Xa comezaron os obradoiros na aula de convivencia durante os recreos da ESO. Mantendo a distancia, cun aforo limitado, ventilación e tomando todas as medidas de seguridade necesarias é posible contar con estes recreos dinámicos. Nicolás de 4º de ESO está a impartir un obradoiro de origami e Víctor, de 2º, un de debuxo. Axiña se iniciarán máis. Estade atentXs :-)






Saída de convivencia 1º ESO-C

Este luns pasado, día 26 de outubro, o alumnado de 1º de ESO-C realizou unha saída de convivencia pola beira do río Mero que rematou no campo de fútbol Dani Mallo. Alí nos agardaba Zeltia cunha morea de xogos adaptados aos protocolos COVID-19. Coñecémonos máis, divertímonos, corremos e liberámonos un chisco ao aire libre, grazas á colaboración do concello e de Zeltia.



 

Charla do colectivo feminista Ervas Bravas

O pasado venres, 28 de febreiro, con motivo da proximidade do 8 de marzo, Día da Muller, tres representantes do colectivo feminista Ervas Bravas deron unha charla para o alumndo de 1º de Bacharelato. Debateuse sobre algúns conceptos clave do feminismo, amosaron a súa experiencia, o funcionamento asembleario e as actividades que levan feito ata agora, para rematar cun coloquio ben interesante. 






Charlas sobre racismo

Comeza de novo o ciclo de charlas sobre o racismo que imparte a alumna de 4º de ESO Ariadna Ai Díaz Anta. A primeira quenda tivo lugar en decembro para o alumando de 3º de ESO. Neste trimestre estanse a impartir en 1º da ESO, con grande éxito.



Disciplina positiva

O venres 24 de xaneiro, parte do profesorado de IES David Buján xunto a compañeiros do IES Mosteirón recibimos docencia en Disciplina Positiva da man de Nuria Rodríguez Font. A presenza desta experta de Barcelona encádrase nun grupo de traballo centrado en Convivencia e Mediación. As vindeiras xornadas contarase con outra especialista, Mónica Carneiro, profesora no CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre.

A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia difunde o seguinte vídeo, gravado por algunhas das persoas que forman parte desta asociación, coa finalidade de apoiar os dereitos do alumnado a ser libre e respectado nas súas escollas e na súa identidade. Porque é obriga de quen educa entender e atender á diversidade. Porque é obriga de quen educa facelo na igualdade.




Charla sobre diversidade sexual

O día 20 de decembro, coa intención de comezar as vacacións con forza e cos mellores desexos para un novo ano no que se afiance a igualdade, Cristina Palacios, da Asociación ARELAS (Asociación de familias de menores trans), impartiu unha magnífica charla sobre diversidade sexual, a realidade diaria na que as persoas trans enfrontan discriminacións de todo tipo, os dereitos conseguidos e os que quedan por lograr, entre outras cuestións.
Agradecemos a Cristina, a precisión, a xenerosidade e a súa loita permanente para facer un mundo mellor.