O MUNDO MÁXICO DE ANTÓN NO ÚLTIMO VÍDEO DOS RESENTIDOS

O grupo vigués Os Resentidos volve sacar traballo musical. O primeiro videoclip, "Nautilus", conta cunha estupenda sorpresa. As ilustracións están feitas por Antón Romero, o artista de catorce anos do que tivemos ata hai pouco no centro a exposición "O mundo máxico de Antón". Os debuxos de Antón recrean o universo mariño que lle suxire o Nautilus, o submarino que aparece na obra de Julio Verne Vinte mil leguas baixo dos mares. Tal e como figura na novela, o Nautilus estivo pola ría de Vigo. Velaquí tedes a canción e os debuxos hipnóticos de Antón:



BRIGADA ECOLÓXICA

A semana pasada comezou o seu labor a Brigada Ecolóxica cunha sesión inaugural na que participaron profesorXs. Tras comprobar ao longo destes meses que o noso patio non cumpría uns parámetros de hixiene e limpeza axeitados, sobre todo nas zonas máis naturais, decidiuse activar esta brigada. Queremos unha contorna máis limpa, máis coidada, igual que queremos unha natureza que non estea degradada por plásticos nin outros refugallos. Por iso convidamos a calquera membro da comunidade educativa a participar e, por suposto, convidámosvos a ser todXs máis coidadosos. Para apuntarse como voluntariado, podedes indicarllo a Inma Otero ou a María José (Xefa de Estudos). Así mesmo haberá un folio para apuntarse no taboleiro de convivencia, ao lado da porta da cafetaría.

CONCURSO DE ILUSTRACIÓN E DEBUXO ARTÍSTICO SOBRE DIVERSIDADE SEXUAL

A asociación ARELAS convoca a primeira edición cun concurso de ilustración e debuxo sobre a diversidade sexual, de familias e contra a LGBT-fobia. Entre todXs iremos facendo un camiño máis xusto e máis libre, ilustrado coas estampas da igualdade. Aquí tedes toda a información. Animádevos a participar!