Semana do 6 ao 10 de febreiro
O luns, mércores e venres da semana do 6 ao 10 de febreiro, as persoas apuntadas a mediación, tivemos un curso intensivo sobre a resolución de conflitos. Tivo lugar no salón de actos do instituto. Durante eses tres días fixemos distintas actividades:
Na primeira sesión: presentámonos e fixemos varios xogos. Un deles pareceume moi interesante, consistía en debuxar unha pirámide. Na base escribíanse as cousas que considerabas máis importantes e, segundo se ían subindo na pirámide, había que ir escribindo as que se considerasen caprichos.
Na segunda sesión: comezamos facendo un quebracabezas. Era debuxar un patrón de nove puntos, coma o que teñen os móbiles, e unir todos os puntos sen levantar o lapis do papel. Ningún de nós o conseguimos, xa que a solución era sacar trazos por fóra do cadro en si. Isto serviu como metáfora para simbolizar que, nos conflitos, non hai que quedarse só co que vemos e temos que intentar ir máis aló para resolvelos con éxito.
Na terceira sesión: fixemos algo parecido a obras de teatro, pero coa particularidade de que representábamos conflitos. Unha persoa interpretaba a unha vítima, outra a un agresor e unha última a un mediador. Así se simulaba un conflito e ao final, coa axuda da profesora, se mostraba como actuar ante un problema dese tipo.
A opinión xeral do alumnado que asistiu é que foi un curso moi interesante e que aprenderon moito. Eu penso que vai ser moi útil para futuros conflitos que poidan xurdir no centro e que, despois deste curso, imos saír un bo grupo de mediadores!
@MartaAnonymous
@Edenavecilla
Déixanos o teu comentario