Obradoiro de radio "O mundo que queremos"


Luns, 20 de febreiro.
Salón de actos do instituto.
Dende as 16:30 ata as 18:10, o alumnado de 3º da ESO A e PMAR tivemos a segunda sesión dun obradoiro sobre a igualdade nos medios de comunicación. Isto foi posible grazas a Rocío Cadahía, exalumna do centro e actualmente traballadora de Agareso, reporteiros galegos solidarios (unha ONG de xornalistas coa que está a facer estes obradoiros por distintos centros). Comezamos lembrando a primeira sesión, na que falamos cousas coma os tipos de modificación de voz, como falar adecuadamente, información sobre o sector, o que son as radios comunitarias... E o tema máis importante de todos: a igualdade nos medios de comunicación.

Para empezar fixemos exercicios da voz, para soltarnos un pouco. O obxectivo da sesión era terminala cun programa de radio grabado entre o alumnado da clase. Todos os compañeiros dividímonos en varios grupos, cada un tiña unha sección.

A primeira metade do tempo dedicouse a organizar as ideas e a escribir os guións do que íamos dicir diante do micrófono. Na última hora, fomos saíndo todos os grupos un a un. O presentador, deu a introdución e a despedida; os informativos, contaron unha noticia relacionada coa homofobia e o seu punto de vista; a sección dramática, comentaron unha noticia dun neno e unha nai maltratados polo pai pero todo terminou ben dentro do que cabe; publicidade, consistiu en que os encargados desta parte fixeron un anuncio contra o racismo; e por último a sección musical, na que escolleron catro cancións con letras fortes denigrantes para a muller e as criticaron. Como había un par de micrófonos, tivemos que ir falar de dous en dous. Finalmente, Rocío editará todos os arquivos de audio grabados para montar o programa completo.

Así foi, fixemos o noso primeiro programa de radio. Por suposto, todo libre de cancións machistas, desigualdades e calquera tipo de homofobia, xenofobia e racismo. Ao mellor, algún dos que estivemos alí presentes poderá converterse nun gran locutor/a cando sexa maior.

A min persoalmente gustoume moito o curso. Nunca presenciei algo así e aprendín moitas cousas que non sabía antes. Paréceme moi ben que cada pouco tempo se fagan actividades así. Quítanlle monotonía ó instituto e fan del un lugar máis entretido. Incluso fan divertido adquirir coñecementos de distintas áreas. Hai veces que me parece que imos adiantados uns anos ao noso tempo por todos os avances que se fan no centro. Pouco a pouco vaise mellorando a cultura xeral dos estudantes coma min, estamos seguindo o bo camiño para conseguir o mundo que queremos!

@MartaAnonymous

Curso de Mediación

mediación

Semana do 6 ao 10 de febreiro
O luns, mércores e venres da semana do 6 ao 10 de febreiro, as persoas apuntadas a mediación, tivemos un curso intensivo sobre a resolución de conflitos. Tivo lugar no salón de actos do instituto. Durante eses tres días fixemos distintas actividades:
Na primeira sesión: presentámonos  e fixemos varios xogos. Un deles pareceume moi interesante, consistía en debuxar unha pirámide. Na base  escribíanse as cousas que considerabas máis importantes e, segundo se ían subindo  na pirámide, había que ir escribindo as que se considerasen caprichos.
Na segunda sesión: comezamos facendo un quebracabezas. Era debuxar un patrón de nove puntos, coma o que teñen os móbiles, e unir todos os puntos sen levantar o lapis do papel. Ningún de nós o conseguimos, xa que a solución era sacar trazos por fóra do cadro en si. Isto serviu como metáfora para simbolizar que, nos conflitos, non hai que quedarse só co que vemos e temos que intentar ir máis aló para resolvelos con éxito.
Na terceira sesión: fixemos algo parecido a obras de teatro, pero coa particularidade de que representábamos conflitos. Unha persoa interpretaba a unha vítima, outra a un agresor e unha última a un mediador. Así se simulaba un conflito e ao final, coa axuda da profesora, se mostraba como actuar ante un problema dese tipo.
A opinión xeral do alumnado que asistiu é que foi un curso moi interesante e que aprenderon moito. Eu penso que vai ser moi útil para futuros conflitos que poidan xurdir no centro e que, despois deste curso, imos saír un bo grupo de mediadores!

@MartaAnonymous
@Edenavecilla

Buscando valentes!


Pedaladas solidarias


Hoxe, Día Internacional da Paz, de 12:10 a 12:30, realizouse a presentación da actividade das Pedaladas Solidarias. Consiste en que o alumnado que queira terá que buscar unha serie de patrocinadores para que lles paguen un diñeiro por cada quilómetro percorrido nas bicicletas estáticas que hai dispoñibles. E ao final,  os cartos obtidos, van ir para a ONG Proactiva Open Arms. Nesta ONG fan un traballo moi importante, xa que están en Lesbos para axudar ás persoas  refuxiadas que teñen que saír dos seus países por causa da guerra e as malas condicións de vida.

O que fixemos hoxe consistiu en que  o alumnado e o profesorado do instituto reunímonos na entrada, que estaba preparada cun portátil con webcam, un proxector e un equipo de son. Comezou polo discurso que preparou unha alumna de 2º de bacharelato, Ana Rascado, acerca das persoas refuxiadas e logo fíxose unha videochamada por Skype con dúas persoas da ONG que actualmente se atopan en Lesbos. Explicaron moi ben o seu traballo e responderon a unha serie de preguntas. A videochamada finalizou cun grande aplauso. E para rematar, as autoridades asistentes deron as primeiras pedaladas.

Esperamos que moitos alumnos e alumnas se animen e que poidamos enviar unha gran axuda. É fundamental axudar ás persoas que o necesitan para poder ir construíndo un mundo mellor e libre de inxustiza.


@MartaAnonymous

Poder para transformar 30 vidas




O venres 25 de Novembro, día Internacional contra a Violencia de Xénero, o alumnado de Convivencia e Mediación asistiu a unha actividade no salón de actos. A ONG Ecos do Sur presentounos  a  súa campaña Poder para transformar 30 vidas. Trátase dunha campaña de crowdfunding para axudar a 30 mulleres sobreviventes da violencia de xénero.
A charala consistiu en explicarnos o que fan en Ecos do Sur cando lles chega unha muller maltratada. 
Fixemos un "xogo" no que unha alumna representaba o papel dunha vítima e os demais puxémonos no lugar desas mulleres. Algúns até se emocionaron!
Foi un obradoiro moi interesante no que as rapazas e rapaces aprendemos moitas cousas.

@Edenavecilla

Rap pola igualdade de xénero



O luns 21 deste mes, o alumnado de 3º da ESO tivemos un obradoiro de rap con Diego Calatayud, no salón de actos do instituto. Comezou falando sobre os seus inicios e facendo unha pequena demostración de como rapea, fíxoo moi ben. Comentou temas moi interesantes, por exemplo, sobre o sexismo no mundo da música e como facer para ir borrándoo se alguén quixese adicarse ao rap. E, se algunha moza quere facer rap, que a lembren e a admiren polas súas rimas e non polo seu físico. Tamén comentou que este estilo de música axuda a exteriorizar os problemas.
Unha historia moi interesante foi que un dos alumnos que asistiron a un taller similar impartido por el sufría bullying por parte dalgúns compañeiros da clase. Entón comezou a rimar e cada vez que alguén facía un comentario despectivo e pouco orixinal cara el, respondía con rimas e  deixábaos sen fala. Finalmente rematou cunha improvisación moi boa e convidando aos que quixesen a subir con el e a tentar rimar algo sinxelo. Animáronse Ángel e Christian, estaban nerviosos, pero fixérono ben.
En resumo, foi un obradoiro moi interesante e no que se aprendeu moito. Oxalá se sigan facendo actividades así de boas para todo.o alumnado!

@MartaAnonymous

Semana contra a violencia de xénero

Entre o luns, 21 de novembro, e o venres, 25 de novembro, no IES David Buján vanse desenvolver as seguintes actividades:

  • Durante a semana, todo o alumnado está convidado a encher o Taboleiro homenaxe ás mulleres vítimas do maltrato. Os rapaces e rapazas do Centro poderán traer unha flor natural á que se lle engadirá unha tarxeta cunha mensaxe de apoio a unha destas mulleres.
  • Desde o luns, a música nas diferentes linguas estará presente nos períodos de lecer. Trátase de reflexionar sobre as mensaxes contidas nas cancións.
  • O luns –entre as 16:45 e as 18:10- o alumnado de 3º da ESO participará nun Obradoiro de Rap sobre igualdade impartido por Diego Calatayud. A idea é compoñer un rap de denuncia desta forma de violencia.
  • Desde Normalización Lingüística vaise promover unha recreación visual do poema "Baldosas" de Carlos Negro. Estará instalada toda a semana no vestíbulo do centro.
  • Ao longo da semana o alumnado de 3º de PMAR realizará a gravación dunha curta sobre violencia machista, con guión de Yanira Gabarri.
  • O venres 25 de novembro, durante o primeiro recreo, proxectarase o lipdub sobre igualdade, organizado polos Servizos Sociais do Concello co alumnado de 2º de ESO. Durante o segundo recreo un grupo de rapaces e rapazas de 1º Bach. plasmarán unha interpretación particular dun tableau vivant, neste caso non tomarán como modelo un cadro senón unha situación de violencia de xénero. O mesmo día, para o alumnado do grupo de Convivencia e Mediación a ONG Ecos do Sur fará a presentación da súa campaña “Poder para transformar a súa vida”. Trátase dunha campaña de crowdfunding para axudar a 30 mulleres sobreviventes da violencia de xénero.