Semana contra a violencia de xénero

Entre o luns, 21 de novembro, e o venres, 25 de novembro, no IES David Buján vanse desenvolver as seguintes actividades:

  • Durante a semana, todo o alumnado está convidado a encher o Taboleiro homenaxe ás mulleres vítimas do maltrato. Os rapaces e rapazas do Centro poderán traer unha flor natural á que se lle engadirá unha tarxeta cunha mensaxe de apoio a unha destas mulleres.
  • Desde o luns, a música nas diferentes linguas estará presente nos períodos de lecer. Trátase de reflexionar sobre as mensaxes contidas nas cancións.
  • O luns –entre as 16:45 e as 18:10- o alumnado de 3º da ESO participará nun Obradoiro de Rap sobre igualdade impartido por Diego Calatayud. A idea é compoñer un rap de denuncia desta forma de violencia.
  • Desde Normalización Lingüística vaise promover unha recreación visual do poema "Baldosas" de Carlos Negro. Estará instalada toda a semana no vestíbulo do centro.
  • Ao longo da semana o alumnado de 3º de PMAR realizará a gravación dunha curta sobre violencia machista, con guión de Yanira Gabarri.
  • O venres 25 de novembro, durante o primeiro recreo, proxectarase o lipdub sobre igualdade, organizado polos Servizos Sociais do Concello co alumnado de 2º de ESO. Durante o segundo recreo un grupo de rapaces e rapazas de 1º Bach. plasmarán unha interpretación particular dun tableau vivant, neste caso non tomarán como modelo un cadro senón unha situación de violencia de xénero. O mesmo día, para o alumnado do grupo de Convivencia e Mediación a ONG Ecos do Sur fará a presentación da súa campaña “Poder para transformar a súa vida. Trátase dunha campaña de crowdfunding para axudar a 30 mulleres sobreviventes da violencia de xénero.

Déixanos o teu comentario