Tes unha idea?



Como xa sabedes, o pasado mes de febreiro o noso centro gañou o premio Concepción Arenal convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 5.000 euros. Desde a Equipa de Convivencia pensamos que vós tedes moito que dicir e que decidir e por isto consideramos que debedes ser vós quen determine en que quere gastar unha parte desta contía.
Animámosvos a presentar os vosos proxectos de acordo coas seguintes bases: 

BASES
PRIMEIRA.–Obxectivo.
O obxectivo desta convocatoria é dotar economicamente o proxecto educativo que procure o desenvolvemento de habilidades para identificar e/ou rexeitar estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades real entre sexos.
A partida concederase ao mellor proxecto que se pretenda executar no vindeiro curso e que traballe a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, así como a sensibilización, prevención de comportamentos de risco e intervención en materia de violencia de xénero incorporando de forma transversal a educación en valores como a solidariedade, tolerancia, respecto, xustiza, igualdade, uso lingua galega etc, a promoción da empatía e educación emocional e o fomento da participación da familia, da escola e da comunidade.
SEGUNDA.–Participación.
Poderá participar todo o alumnado que así o desexe, ben de forma individual ou en grupo e coordinado por un/unha docente que teña destino definitivo no centro.
TERCEIRA.–Dotación económica.
O proxecto gañador contará cunha dotación económica de 1.000 euros para desenvolvelo no curso 2019-2020.
CUARTA.–Proxectos.
As candidaturas acompañaranse dun proxecto respectando as seguintes pautas:
O proxecto presentarase cos seguintes requisitos de formato:
– Extensión máxima de 10 páxinas numeradas e redactadas a unha cara, incluíndo anexos (fotos, presupostos...).
– Presentarase en tamaño A4 cun espazo interlineal sinxelo e empregando o tipo de letra Arial a 11 puntos.
– Empregará a lingua galega e a perspectiva de xénero.
– Os proxectos presentados deben ser orixinais, non podendo participar aqueles proxectos xa premiados en calquera convocatoria de similar natureza.
QUINTA.–Xurado e criterios de valoración.
Xurado
O xurado estará composto polos docentes da Equipa de Convivencia.
Así mesmo, o xurado poderá declarar deserto o premio se o considerar oportuno.
Criterios de valoración
Para a concesión dos premios tomarase como base os seguintes criterios de valoración:
1. Proposta do título do proxecto.
Valorarase a creatividade, orixinalidade e a relación directa do título do proxecto cos contidos e obxectivos do programa.  
2. Descrición do proxecto.
Valorarase a claridade da descrición das actividades propostas.
3. Xustificación do proxecto e detección de necesidades.
Valorarase a adaptación do proxecto ás necesidades do centro.
4. Calendario de realización.
Valorarase o nivel de adecuación entre as actividades previstas e a temporalidade.
5. Coordinación, participación, implicación e xestión do proxecto.
Valorarase a maior participación e implicación dos axentes principais do proxecto, así como o persoal encargado.
6. Calidade técnica.
Valorarase o desenvolvemento de accións educativas innovadoras, que desenvolvan boas prácticas de accións e medidas que sirvan como modelo e impulsen outras iniciativas educativas.  
Valoraranse as propostas de atención á diversidade, que primen a inclusión en todos os ámbitos posíbeis tanto dentro do centro como fóra.
7. Promoción da lingua galega
A redacción do proxecto así como todas as actividades desenvolvidas tanto a nivel escrito como oral deben ter o galego como idioma vehicular.
SEXTA.–Prazo e forma de presentación dos traballos.
Prazo: a admisión de proxectos remata o 31 de maio.
Forma de presentación: o proxecto educativo entregarase en soporte papel á coordinadora da Equipa de Convivencia ou en formato dixital ao correo convivencia@iesdavidbujan.gal


Déixanos o teu comentario