Xornada de formación do profesorado: titoría entre iguais

O martes 26 de abril tivo lugar a segunda xornada de formación relacionada con Convivencia. María Nogareda falounos do programa de Titorías Entre Iguais que se está a desenvolver nalgúns centros educativos. Explicou as súas grandes vantaxes e os pasos que deberiamos facer se queremos implantalo. A vindeira xornada, dedicada á Disciplina Positiva, será o 12 de maio.




Curso de Mediación para o alumnado

Os días 21 de febreiro, 21 de marzo e 28 deste mesmo mes, o alumnado interesado en Mediación recibiu un curso de dúas horas por día da man de AtalaiAsocial, especialistas en orientación social e psicopedagoxía. Fóra do horario lectivo, este grupo de alumnado voluntario experimentou con dinámicas de comunicación e simulacros de conflitos que aprenderon a resolver. Estiveron acompañados das profesionais de AtaliAsocial e da orientadora, Eva Sanz, que foi a encargada de organizar o curso. Desta maneira vaise incrementando o número de persoas competentes entre o alumnado en convivir, mediar e reflexionar sobre os conflitos que xorden na vida diaria. Grazas a todas e todos os que participastes! 






Charla Arelas: 31 de marzo, Día da Visibilidade Trans

O pasado día 8 de abril, Cristina Palacios, da Asociación Arelas (Asociación de familias de menores trans), impartiu unha charla para o alumando de 4º da ESO sobre diversidade afectiva e de xénero. A charla enmárcase nas actividades para conmemorar o 31 de marzo, Día da Visibilidade Trans, tratado nas titorías a través de material audiovisual.

Desde o Departamento de Convivencia gustaríanos concienciar o alumnado no respecto ante unha realidade que cada vez atopamos con máis frecuencia. Por iso propoñemos para titorías, mesmo tamén para as gardas de aula para as que non se deixe traballo, a visualización do seguinte material, que pode dar tamén lugar a debate:

Un mundo diversX

Historia de Pablo

Monólogo dunha rapaza trans

Documentos TV: "El sexo sentido"